xoves, 5 de setembro de 2019

MIRADOR DO COUCE E FERVENZA DE AUGA CAÍDA, MAÑÓN.

Hoxe imos acercarnos ata o río Sor, que fai de fronteira natural entre as provincias de Lugo e A Coruña. O Sor nace na Serra da Faladoira e desemboca no mar Cantábrico formando a marabillosa ría do Barqueiro.

Visitaremos na nosa entrada o Mirador do Couce e a fervenza de Auga Caída do río Sor que se atopan a uns 14 quilómetros da poboación do Barqueiro. 







Hai que sinalar que ata o mirador pódese chegar no coche, máis nós decidimos aparcar na antiga escola dos anos 20 situada en Mañón e facer o camiño andando.

Merece a pena facer unha parada na primeira aldea, onde se atopa a única taberna que queda e que está situada nun antigo edificio que era o Concello. Tamén está o antigo palco da música e a igrexa.

Esta aldea foi nos seus tempos un importante núcleo comarcal onde se realizaba a feira de Mañón, á que acudían persoas de toda a zona.

Como mostra desta importancia podemos ver que quedan en pé as construcións que se utilizaban para expoñer os produtos a vender.







Continuamos o camiño descendendo por unha estrada con bastante desnivel. 

Hai que sinalar que os últimos 900 metros antes de chegar ao Mirador son dun desnivel bastante considerable, sobre todo para volver con nenos!






Unha vez cheguemos ao Mirador do Couce, darémonos conta de que non se ve a fervenza producida polo río Seixo que verte as súas augas polo lado esquerdo do Sor cunha caída de 50 metros.

Para descubrir a fervenza en todo o seu esplendor deberemos seguir baixando un quilómetro ata a orilla do río, xa que o mirador atópase na parte alta da fervenza.

Esta baixada non é apta para carriños de bebé, polo que debedes telo en conta á hora de ir con nenos pequenos.







Nós visitamos a fervenza en agosto, polo que a caída de auga era moi leve, pero aínda así merece a pena. 

Desde alí podemos iniciar diversas rutas ata chegar a algúns dos refuxios de pescadores que ten o río Sor e que son imprescindibles de coñecer. Refuxios que están bastante acondicionados para pasar o día de merendola familiar!




Nós nesta ocasión non continuamos ruta hacia eses refuxios senón que volvimos subir ata o Mirador para regresar polo coche.






No Mirador hai unha área recreativa bastante descoidada. Ten unhas mesas e bancos para poder comer e un refuxio en mal estado, pero unhas vistas espectaculares do canón do río Sor.





Por todo o anterior, merece a pena acercarse a este remanso de tranquilidade e natureza. 

En breve seguiremos dando voltas!



Ningún comentario:

Publicar un comentario