martes, 24 de setembro de 2019

RUTA "LAGO DEL VALLE", PARQUE NATURAL DE SOMIEDO

Hoxe seguimos no Parque Natural de Somiedo para descubrir e percorrer a ruta de sendeirismo que nos acerca ao "Lago del Valle".



A ruta sae do pobo Valle del Lago ao que se chega desde Pola de Somiedo por unha empinada estrada. Unha vez atravesamos o pobo, que está a 1200 metros de altitude, atopamos un estacionamento onde deixamos o coche.

Si queredes aínda podedes acercarvos uns 500 metros máis en coche e deixalo ao carón dunha fonte, despois de pasar o barrio de L`Outeiro,  pero polo xeral non hai sitio onde aparcar e como se trata de andar, pois nada mellor que empezar desde o inicio.




A ruta discorre por unha pista bastante ancha e pola que transitan coches, pero soamente os relacionados coas explotacións gandeiras e a xestión do propio Parque, polo que é  apta para ir en bicicleta sen maior problema.


Esta ruta ten unha distancia de 7,5 quilómetros ida e outros tantos de volta e un desnivel suave, polo que non ten dificultade e faise perfectamente con nenos. 

Polo camiño hai varias cabanas con teito de escoba e moitas vacas soltas que parecen non fixarse en nós sempre que non se lles moleste. 




Os primeiros dous quilómetros discorren á beira do río e ao sol pero por un camiño completamente chan para empezar despois o ascenso.

Debemos ter coidado no cruce que ten unha sinal medio rota para non equivocarnos de camiño. 

Neste desvío debemos subir polo camiño da dereita (algo máis longo) que debería de ter o sinal de "sombra" e que se fai moito máis ameno porque vas polo medio dun bosque de faias.

Si se opta polo camiño da esquerda iremos todo o tempo a pleno sol e cunha gran subida final. 

Cando nós estivemos case todas as persoas subían polo sol, imaxinamos que por non ter a sinalización correcta e dubidar.



Na seguinte foto apréciase perfectamente o camiño polo que subes si optas por ir ao sol.  





Despois duns 7 quilómetros chegamos ao lago que non se ve ata que se está xusto nel.

A nós aínda nos quedaron forzas para bordealo todo, percorrido que recomendamos para divisalo desde todas as perspectivas posibles.






Unha vez no Lago recargamos enerxías cuns bocatas para iniciar despois o retorno, que se fai moi tranquilo e suave por ser case sempre de baixada.

O Lago del Valle é o de maior superficie de Asturias. Pero esta superficie é resultado  das obras realizadas para o aproveitamento hidroeléctrico na central "La Malva". 




Desde o Lago poderíamos continuar a ruta ata chegar aos Lagos de Saliencia e ao Alto da Farrapona. Esta ruta tería un total de 14 quilómetros engadidos ao xa percorridos e so de ida e con moita ascensión (Un total de 21 so nun sentido).

Polo que si se desexa facer a ruta enteira, o aconsellable é facela ao revés, é decir, iniciala no Alto da Farrapona, ir ata os Lagos de Saliencia, continuar ata o Lago del Valle, baixar ata o pobo Valle del Lago e ter alí un coche para retornar.

Nós nesta ocasión fixemos as dúas rutas aos lagos pero por separado e en distintos días.

En breve seguiremos dando voltas!





Ningún comentario:

Publicar un comentario