luns, 26 de agosto de 2019

CONXUNTO HISTÓRICO-ARTÍSTICO DE SARGADELOS, CERVO

Hoxe imos dar unha volta por un entorno próximo pero ben fermoso para pasar unha tarde en familia. Trátase do conxunto histórico-artístico de Sargadelos co seu paseo dos namorados á marxe do río Xunco, situado no Concello de Cervo.




A finais do século XVIII o marqués de Sargadelos (Antonio Raimundo Ibáñez) creou un dos complexos industrias siderúrxicos máis destacados do seu tempo e no ano 1806 fundou a primeira fábrica de louza neste lugar.

Esta Real Fábrica de Sargadelos estivo en activo ata o ano 1875 pasando por diferentes xeracións e moi diversas etapas.




No último terzo do século XX resurxiu a produción  de cerámica en Sargadelos, ocupando edificios novos e respectando as ruinas antigas como conxunto Histórico–Artístico, nomeamento que se lle otorgou no ano 1972.


Na actualidade este conxunto está composto polos restos do que era a Real fábrica de cerámica, os fornos, o pazo de Ibáñez, a casa de administración, a casa do Peso e o paseo dos namorados formado á beira da canle de auga que abastecía a fábrica e a presa. Tamén se inclúen o camiño real, a Igrexa de Santiago de Sargadelos e o cemiterio.





O paseo dos namorados é pequeno pero está moi ben coidado. Pódese desfrutar de merendeiros e dun paseo agradable con carteis explicativos das diferentes especies de plantas que hai no entorno. 






Nos últimos anos impulsouse a adecuación das cabalerías da antiga fábrica de cerámica para crear un Centro de emprendemento.

Pouco a pouco foron recobrando vida e na actualidade hai diferentes negocios, como unha tenda de marmeladas( marmeladas A Morena) , unha de tatuaxes e piercings chamada Enigmatatoo entre outras.

A nós gústanos moito o café-bar cultural A Sacabeira que realiza moi diversas actividades para todo tipo de público con concertos, contacontos, monólogos ou charlas.  




Outro dos negocios que abriu neste lugar foi un Centro ecuestre ao que fomos por primeira vez este verán.  Chámase Cabaliño de Pao e organiza actividades e rutas a cabalo para nenos e adultos. 


Nós estivemos con 5 nenos de entre 4 e 9 anos e todos o pasaron xenial.

Déronnos a elixir entre dúas actividades, unha ruta a cabalo dunha hora por 18 euros ou unha serie de actividades dentro do picadeiro, como peinar, limpar os cascos, encestar pelotas desde o cabalo etc, e unha pequena ruta de 15 minutos por 15 euros persoa. 



Ao tratarse de nenos pareceunos máis divertida esta última opción. Os monitores foron moi agradables cos pequenos e fanse cargo deles durante todo o tempo. 

Nós estivemos igualmente pendentes porque algún era bastante pequeno, pero si son máis maiores podedes aproveitar para tomar algo ou dar un paseo. 







Por todo o explicado cremos que Sargadelos merece unha visita con calma, ofrecendo diversas opcións para pasar o día rodeado de natureza e nun lugar moi agradable. 

Nós seguiremos dando voltas!









Ningún comentario:

Publicar un comentario