Este verán acercámonos en varias ocasións ata as ribeiras do río Sor para pasear por elas. Esta vez a ruta escollida foi desde a área recreativa de Ponte Segade ata a Fervenza de Augas Caídas.
Nesta caída de auga estivemos non hai moitos meses desde outra perspectiva e así o deixamos recollido nesta entrada do blog: Mirador do Couce e Fervenza.
A ruta que fixemos é parte doutra bastante máis longa que vai desde a Ribeira do Bispo ata o Miradoiro de Augas Caídas.
Nós partimos de Ponte Segade (número 4 na foto) e chegamos á Fervenza de Augas caídas (número 8), para despois retornar polo mesmo camiño.
A área de Ponte Segade está moi ben acondicionada. Ten varias mesas con bancos, parque infantil, aseos públicos, asadeiros e unha taberna (que actualmente estaba pechada e en obras).
O río presenta un gran remanso nesta área, polo que moita xente aproveita para pegarse un baño.
O río presenta un gran remanso nesta área, polo que moita xente aproveita para pegarse un baño.
A ruta ten un total duns 10 quilómetros ida e volta sen ter ningunha complicación pero existindo algún tramo un pouco alonxado do río e que discorre por unha pista apta para coches, perdendo así parte do encanto.
O primeiro tramo vai desde Ponte Segade ata o Refuxio Salustio que se atopa a un quilómetro e medio de sair. Este tramo é moi fermoso e vai por un camiño á marxe esquerda do río ata chegar ao refuxio.
Unha vez chegamos ao Refuxio Salustio, cruzamos o río para continuar pola marxe dereita do mesmo e alonxándonos un pouco del.
Este é o tramo menos fermoso xa que vai por unha pista durante un bó pedazo.
Polo camiño atopamos un muíño antigo bastante ben conservado e que aos nenos lle fixo moita ilusión entrar nel porque parecía unha casiña encantada.
Unha vez chegamos a Fontecubelas o camiño faise máis estreito e fermoso acompañando ao río pola súa beira.
Ao pouco tempo chegamos ao Refuxio de Cubelas e a súa magnífica e preciosa ponte.
Desde aquí o camiño transcorre pola marxe esquerda do río ata chegar á fervenza que nesta ocasión (como na anterior) levaba pouca auga por ser un verán bastante seco.
Prometemos ir en inverno a vindeira ocasión para ver a caída de auga no seu máximo esplendor.
A ruta gustounos, pero parécenos moita máis agradable a ruta de Morgallón, tamén no río Sor.
Esta camiñata ten bastante máis afluencia de xente o que fai que perda parte do encanto. Seguramente un día de outono sexa máis fermosa.
A pesar dese punto negativo hai que sinalar que un paseo en plena natureza sempre, sempre é reconfortante para adultos e nenos, polo que nós seguiremos dando voltas!
O rio Sor en todo o seu percorrido e precioso.
ResponderEliminarPertiño da casa e ben fermoso. Todo un sinfín de oportunidades.
Eliminar