A pasada fin de semana acercámonos ata o Concello de O Vicedo para facer a ruta de Morgallón, pola ribeira do río Sor.
O punto de partida da ruta está marcado despois de pasar a aldea de Morgallón, onde hai unha explanada para poder aparcar os coches.
Desde alí débese facer unha baixada por unha estrada local ata cruzar unha ponte sobre o río e chegar a Monte da Insúa, onde realmente comeza a parte fermosa e a propia ruta.
Trátase dun percorrido río arriba duns 5 quilómetros que te leva ata a presa de Ponte Ulló.
O sendeiro está en perfectas condicións e non ten dificultade ningunha para adultos e nenos.
Asombrounos a gran cantidade de pequenos anfibios que nos acompañaron durante todo o camiño. Os dous primeiros fixéronnos moita gracia, pero despois pasaron a ser un acompañante máis da ruta.
Durante o camiño pódense observar bastantes eucaliptos, pero tamén algún carballo e piñeiro.
Bastante avanzado o camiño chegamos a unha pequena presa e despois atoparemos unha telesilla que servía para cruzar o río pero na que actualmente non se pode montar (pena polos nenos que están empeñados en escribir ao Concello para que a poña en funcionamento).
Unha vez pasamos a telesilla, o río chega a un gran remanso no que practicamente nin se escoita o ruído da auga.
Finalmente e despois duns 5 quilómetros chegamos ao entorno de Ponte Ulló, onde atopamos unha presa, un refuxio e unha área de descanso con parrillas onde repoñer enerxías.
Desde este lugar hai dúas opcións, a primeira delas é regresar polo mesmo camiño e a segunda é continuar pola estrada asfaltada ata chegar de novo ao punto de partida.
Nós decidimos regresar polo que consideramos a parte fermosa da ruta e retroceder o camiñado.
Pareceunos unha ruta sinxela e moi bonita para facer en familia.
Como punto positivo tamén debemos comentar que era domingo, mes de xullo e non atopamos a máis de 4 persoas, polo que é un excelente lugar para alonxarse da xente nestes tempos de coronavirus!
Nós seguiremos dando voltas en familia!
Ningún comentario:
Publicar un comentario