No Concello de Barreiros, entre Foz e Ribadeo, atópase unha pequena ruta ou paseo que nos acerca ata a Fervenza de Santo Estevo do Ermo (ata a cal case se pode chegar en coche, pero así perderá parte do encanto).
Podemos aparcar o coche cerca da Casa do Concello e dende alí seguir as indicacións ata a fervenza. A distancia é máis ou menos de 7 quilómetros ida e volta.
Tamén se pode acercar o coche ata a estrada LU-P-6103 e dende o cruce onde aparece esta sinal comezar a andar, así o percorrido total reducirase a uns 4 quilómetros e medio.
Dende aquí comeza unha baixada polo medio dun eucaliptal que nos acerca á área recreativa que se sitúa ao redor da capela.
A capela non ten un valor artístico especial, aínda que a súa orixe data do século IX, foi totalmente reformada no ano 1992.
A capela de Santo Estevo foi coñecida antigamente como a igrexa de Augas Santas porque nos seus arredores manaban augas ferruxinosas con propiedades medicinais ás que a xente acudía.
O entorno é moi fermoso cun paseo circular dende a Capela que nos acerca ata a fervenza, unha caída de auga duns 15 metros de altura, pasando pola fonte de augas ferrosas, polo antigo cemiterio e de volta á área recreativa da capela.
Unha vez chegados á fervenza podemos subir ata a parte media por un sendeiro de escaleiras.
A zona está ben coidada, con pasamáns de madeira, escaleiras e carteis. O paseo non é apto para carriños de bebé pero si para nenos que o pasarán en grande entre tanta auga.
Unha vez de regreso podemos continuar a ruta e subir ata o Mirador de Penabor que se sitúa a 334 metros de altitude e dende o cal se ten unha fermosa vista da costa.
Esperamos que vos animedes a visitar esta fervenza que nesta época do ano brila con todo o seu esplendor pola cantidade de auga que leva.
Nós seguiremos dando voltas!
Ningún comentario:
Publicar un comentario