martes, 29 de decembro de 2020

FERVENZA DE GUILÁN, XOVE

Lonxe das viaxes de Nadal doutros anos por mor da Covid 19, temos que explorar o entorno próximo e conformarnos co pouco que se pode facer.

Fai uns días visitamos a Fervenza de Guilán, no Concello de Xove.


O camiño para acceder a ela dando un paseo ten o seu inicio metros antes de chegar á urbanización Palmeiro. 

Ao borde da estrada e a man dereita xa atopamos o cartel que nos indica o principio.


A ruta non é fermosa, trátase dun camiño de monte que transcorre entre eucaliptos e ao borde na estrada xeral. 



Para chegar á fervenza hai uns 3 quilómetros e medio, podendo regresar polo mesmo camiño para volver al inicio, polo que sería un paseo duns 7 quilómetros máis ou menos.




A caída de auga é bonita e trátase dun lugar agradable para dar un pequeno paseo en familia e merendar alí.

Nesta época do ano levaba abonda auga e locía ben fermosa. Seguramente no verán ata sexa un sitio marabilloso para darse un baño.


Nós seguiremos dando voltas na medida en que nos deixen!





domingo, 15 de novembro de 2020

RUTA ENCOMENDEIROS, FRAGAS DO EUME.

Hoxe acercámonos ata as Fragas do Eume, ese lugar tan marabilloso e tan preto da nosa casa. 

As Fragas do Eume teñen un montonazo de rutas, desde as máis sinxelas e curtas, ata outras máis complicadas, tanto por dureza como por distancia.

Nesta ocasión volvimos  facer unha das máis coñecidas: A ruta de Encomendeiros que nos leva ata o Mosteiro de Caaveiro pola marxe esquerda do río.


Unha vez deixamos o coche no aparcamento habilitado, temos que camiñar pola estrada un quilómetro e medio ata chegar á Ponte de Cal Grande e cruzar sobre o río. 

Por certo, o día que fumos nós, o río estaba complemente escuro e contaminado por un vertido, ata tal punto que a Xunta declarou como emerxencia o estado no que se atopaba. Unha verdadeira pena!


 


A ruta de Encomendeiros trátase dun traxecto circular duns 17 quilómetros e que fixemos, ao ir pola marxe esquerda do río e, ao regreso,  pola dereita (estrada). Vimos moita xente que a facía tanto ida e volta pola estrada, nós só recomendamos ese camiño si se trata de persoas con carriños de bebés, xente maior ou con dificultade para camiñar.



O camiño transcorre por un sendeiro sinxelo e fermoso rodeado de bosque e que en outono mostra a súa cara máis vistosa.

Atopamos algún pequeno obstáculo que aos nenos lles facía gracia e  lles axudaba a que o paseo fose menos monótono.






Máis adiante hai unha nova ponte colgante que non debemos cruzar para non ir pola estrada e continuar así polo borde do río Eume.





Continuamos o camiño e a uns 6 quilómetros atopamos o tramo con maior dificultade xa que se trata dunha zona de subida e pedras resbaladizas, para o que habilitaron unhas cordas tanto para subir como para baixar polo outro lado. 

Había bastante cola neste punto porque non se pode subir ata que baixen as persoas que están na corda e deuse a casualidade de que nos tocou un grupo moi grande de xente bastante maior, polo que se formou un pequeno atasco.




O camiño continúa ata un desvío onde debemos coller o sendeiro da esquerda e cruzar unha pequena ponte de madeira sobre o río Sesín.

Os dous camiños levan ata o Mosteiro de Caaveiro, pero pola esquerda chegas directamente á zona da ponte e o muíño do río Sesín.





Despois de cruzar a pequena ponte de madeira comeza unha leve subida duns 700 metros ata chegar ao muíño.





Desde esta zona só queda subir unha pequena rampa de pedra e chegaremos ao Mosteiro. 



Mosteiro de Caaveiro ten as súas orixes no século X, pero sufriu moitas modificacións ao longo dos anos.
Para nós é de visita obrigada unha vez chegamos ao lugar. Debemos decir que íamos un can e non deixan pasar pero dispoñen dun sitio habilitado para deixalo mentres realizas a visita.



A visita é gratuíta e interesante. Tamén hai visitas guiadas concertando cita previamente.











Unha vez descansamos, comimos e visitamos o Mosteiro emprendimos o regreso, que foron uns sete quilómetros e medio pola estrada ata chegar ao coche.




Recomendamos totalmente descubrir as Fragas do Eume, pasear por elas, acercarse á súa natureza e beleza.


Nós seguiremos dando voltas na medida en que o COVID nos deixe!


sábado, 10 de outubro de 2020

Ruta da Auga, Guitiriz

 A ruta da Auga atópase no Concello de Guitiriz (Lugo) e ten unha lonxitude duns 20 quilómetros en total, polo que se trata dunha camiñata bastante longa, ademáis hai que ter en conta que non é lineal e que debemos buscar a forma de regresar ao punto inicial. A ruta está sinalizada como PR-G 99. 




Esta ruta discorre pola marxe dos ríos Parga e Ladroil. 

Nós non a fixemos toda, senón que percorrimos o camiño que separa Parga de Guitiriz, un total duns 10 km ao borde do río Ladroil.




Trátase dun paseo agradable e sinxelo, xa que non hai desnivel. O único problema que se pode atopar en época de choivas é que se encha o camiño de barro e non se poida andar comodamente.




Neste ENLACE á web do Concello de Guitiriz tedes información sobre a ruta ao completo. 




Unha vez que chegamos ao pobo de Guitiriz decidimos dar por finalizada a ruta e comer alí, xa que aínda que era un día de agosto, choveunos bastante e o día non acompañaba demasiado. 

Si continuamos un quilómetro máis desde Guitiriz atópase a Área recreativa de Sete muíños, onde ademáis de varios muíños ben conservados podemos desfrutar dunha pequena piscina natural. 

Nesta zona tamén hai un parque infantil e mesas para merendar.





Nós recomendamos este paseo por tratarse dunha ruta sinxela e agradecida para facer en familia, sen perigos e sin ningunha complicación nen dificultade. 

Seguiremos dando voltas!











mércores, 26 de agosto de 2020

DE PONTE SEGADE Á FERVENZA DE AUGAS CAÍDAS. RÍO SOR

Este verán acercámonos en varias ocasións ata as ribeiras do río Sor para pasear por elas. Esta vez a ruta escollida foi desde a área recreativa de Ponte Segade ata a Fervenza de Augas Caídas.

Nesta caída de auga  estivemos non hai moitos meses desde outra perspectiva e así o deixamos recollido nesta entrada do blog: Mirador do Couce e Fervenza.



A ruta que fixemos é parte doutra bastante máis longa que vai desde a Ribeira do Bispo ata o Miradoiro de Augas Caídas.



 

Nós partimos de Ponte Segade (número 4 na foto) e chegamos á Fervenza de Augas caídas (número 8), para despois retornar polo mesmo camiño. 

A área de Ponte Segade está moi ben acondicionada. Ten varias mesas con bancos, parque infantil, aseos públicos, asadeiros e unha taberna (que actualmente estaba pechada e en obras).

O río presenta un gran remanso nesta área, polo que moita xente aproveita para pegarse un baño.



A ruta ten un total duns 10 quilómetros ida e volta sen ter ningunha complicación pero existindo algún tramo un pouco alonxado do río e que discorre por unha pista apta para coches, perdendo así parte do encanto.






O primeiro tramo vai desde Ponte Segade ata o Refuxio Salustio que se atopa a un quilómetro e medio de sair. Este tramo é moi fermoso e vai por un camiño á marxe esquerda do río ata chegar ao refuxio.







Unha vez chegamos ao Refuxio Salustio, cruzamos o río para continuar pola marxe dereita do mesmo e alonxándonos un pouco del. 


Este é o tramo menos fermoso xa que vai por unha pista durante un bó pedazo.


Polo camiño atopamos un muíño antigo bastante ben conservado e que aos nenos lle fixo moita ilusión entrar nel porque parecía unha casiña encantada. 






Unha vez chegamos a Fontecubelas o camiño faise máis estreito e fermoso acompañando ao río pola súa beira. 





Ao pouco tempo chegamos ao Refuxio de Cubelas e a súa magnífica e preciosa ponte.



Desde aquí o camiño transcorre pola marxe esquerda do río ata chegar á fervenza que nesta ocasión (como na anterior) levaba pouca auga por ser un verán bastante seco. 

Prometemos ir en inverno a vindeira ocasión para ver a caída de auga no seu máximo esplendor.






A ruta gustounos, pero parécenos moita máis agradable a ruta de Morgallón, tamén no río Sor.

Esta camiñata ten bastante máis afluencia de xente o que fai que perda parte do encanto. Seguramente un día de outono sexa máis fermosa.

A pesar dese punto negativo hai que sinalar que un paseo en plena natureza sempre, sempre é reconfortante para adultos e nenos, polo que nós seguiremos dando voltas!