mércores, 5 de xuño de 2019

RUTA POLOS GRAFFITIS DE OPORTO

Fai unhas semanas viaxamos a Oporto, cidade encantadora ao norte de Portugal que sorprende pola súa diversidade, culturalidade, ocio e diversión.




Hoxe imos centrarnos nos graffitis de  Oporto, nesa arte urbana que sorprende en cada paseo e rincón da cidade e que resurxiu despois de que unha brigada anti-graffiti contratada polo goberno local, limpara as paredes da cidade, sin ter en conta a opinión dos cidadáns. 

Foi no ano 2013 cando esta brigada cubriu un dos murais situados no centro da cidade e realizado  polo coñecido Hazul

Este feito tivo un efecto sorprendente nas redes sociais que se fixeron eco do acontecido e en poucos días os autores de graffitis de Oporto empezaron a sabotear a brigada anti-graffiti pintando unha liña negra cunha frase en portugués en todos os debuxos que se tapaban: Continua a pintar.

A protesta tivo varios resultados, por un lado, os murais de Hazul salváronse de ser tapados e por outro, o Concello creou unha licenza para artistas urbanos pagando unha pequena cota.

A partir deste momento e co cambio de goberno local que se produce no ano 2013, Oporto comeza a convertir a arte urbana nun dos referentes da cidade, chegando mesmo a facer un gran festival na rúa con artistas e cidadáns.


Por todos estes motivos, visitar Oporto significa unha visita obrigada aos seus graffitis e así o fixemos.

A nosa ruta comezou no primeiro mural legal que se inaugurou na cidade no ano 2014 e no que se poden observar a Don Quixote e a Sancho Panza. 


Este graffiti atópase na Rúa Diogo Brandao e  representa todos os muíños de vento que a arte urbana tivo que superar na cidade de Oporto ata ese momento.

Os autores da obra son varios: Circus Network coas mans locais de Fedor, Mesk e Mots.




Hazul é un dos artistas máis coñecidos da cidade. El utiliza portas, ventás tapiadas e edificios en ruínas para realizar os seus graffitis e varios deles son Vírxenes como a que podemos atopar na Praza Guillerme Gomes Fernandes. 



Xusto ao lado desde graffiti de Hazul atopamos nesta praza pequeniña unha fachada de azulexos (un total de 8000 e pintados á man) que tamén merece a pena visitar e que pertence a unha cadea de comida rápida. 




A visita continúa ata a Rúa do Alferes Malheiro, xusto nunha das paredes da parada de Metro de Trindade.

Hai dous graffitis nunha mesma parede que foron dos primeiros encargos do Concello  pero que están realizados por artistas diferentes: Dheo e Hazul. 



Desde este sorprendente e marabilloso graffiti baixamos hacia a Rúa das Flores e de camiño podemos seguir observando máis obras urbanas.





Unha vez chegamos á Rúa das Flores podemos admirar a decoración de todas as caixas eléctricas. Este foi o resultado dun proxecto común entre o Concello e a empresa pública de electricidade e que convertiu a rúa nunha especie de museo ao aire libre. 







Tamén máis ou menos a medio camiño da rúa das Flores podemos admirar este gran mural. Oporto seduce por sorprendente en cada rincón inesperado.




Camiñando chegamos á Ribeira e desde alí cruzamos a Ponte de Luis I para acercarnos a Vila Nova de Gaia e deixarnos sorprender por un coello realizado con materiais de refugallo ( Rúa Guillerme Gomez Fernandes).



En definitiva, a ruta son máis ou menos uns 7 quilómetros que nos encantaron. Ao mesmo tempo serviunos para  adentrarnos en Oporto, na súa historia, nos seus movementos e na súa arte urbana.

Hai que destacar que aquí so se mostran e citan algúns dos graffitis que podedes atopar visitando a cidade. Agora sodes vós os que debedes descubrilos. Nós seguiremos dando voltas!

1 comentario:

  1. Estas son as cousas q non veñen nos catalogos oficiais e q sempre nos sorprenden.

    ResponderEliminar