luns, 29 de abril de 2019

PARQUE NATURAL SERRA GELADA, FARO DE ALBIR.

Serra Gelada é un parque natural que está entre Benidorm e Alfaz del Pi e no que se poden realizar diferentes rutas.

Nós escollimos a que se inicia en Albir,  un pequeno pobo costeiro que está situado a uns 8 quilómetros de Benidorm.

No seu inicio conta cun aparcamento gratuíto e cuns baños públicos.

A ruta discorre por unha pista asfaltada, totalmente apta para bicicletas e patinetes.



Este paseo ten unha distancia de 5 quilómetros ida e volta polo que é moi doado de facer con nenos. 



A ruta non ten practicamente desnivel e resulta moi cómoda, ademáis de ser moi fermosa polas vistas que se poden ir observando: Altea, Calpe ou  o peñón de Ifach son algunhas das marabillas que se poden admirar.


No seu camiño hai moitos paneis informativos sobre a flora, a fauna, as minas de cobre ou o faro de Serra Gelada.

Un destes paneis explicaba como nalgunhas das rochas se conservaban fósiles de animais xa extinguidos e que se poden distinguir perfectamente. 



A medio camiño empezamos a observar o faro ao final do percorrido e tamén as minas de ocre que dan esa tonalidade amarela escura ao terreo e que funcionaron ata principios do século XX.




Na actualidade pódense observar os restos da casa do capataz e os pilares que sostiñan os raís polos que baixaban as vagonetas co mineral para cargar nos barcos e transportarse.

A ruta remata no Centro de Interpretación Faro de Albir que foi o que máis nos desilusionou xa que pensamos que se podía visitar o faro por dentro. 

O único que é visitable son dúas salas da parte baixa cunhas exposicións de fotos: unha sobre a vida no faro en tempos pasados e outra sobre animais mariños.



A ruta é recomendable si estades pola zona. Sempre senta ben dar unha volta e airearse!


luns, 22 de abril de 2019

FÁBRICA MUSEO CHOCOLATE VALOR

Hoxe imos dar unha volta moi doce e apetecible para nenos e maiores. 

Marchamos á fábrica/museo de chocolate Valor , situada en Villajoyosa, a uns 10 quilómetros de Benidorm.


As visitas son guiadas, gratuítas e cun máximo de 50 persoas en cada unha delas. 

Na entrada ao recinto hai unha máquina expendedora de tíckets, polo que se pode coller o billete con anterioridade á visita e ir dar un paseo polo pobo.




A visita comeza cun vídeo explicativo sobre os inicios da fábrica no século XIX e de como foi avanzando e modernizándose ata os tempos actuais.

O visionado, ademáis de explicar de onde procede o cacao e de como xurdiu a empresa, fai unha clara publicidade do seu produto.

Despois a visita continúa polo museo onde se pode observar a maquinaria antiga coa que elaboraban o chocolate nos seus inicios.







A continuación visitamos a fábrica por dentro, vendo algunha das series de traballo, como a elaboración das barras de chocolate, a mezcla do chocolate coas améndoas e o posterior empaquetado.

Esta zona é moi divertida e curiosa para os nenos que se mostraban encantados vendo realizar o traballo.  Non vos podemos mostrar ningunha imaxe porque está prohibido sacar fotos por respecto a todos os traballadores. 




Para finalizar, rematamos na tenda cunha degustación de chocolate líquido e onzas de varios tipos de chocolate. Os máis pequenos dixeron que estaba riquísimo!

Todo esto gratuítamente polo que merece a pena comprar algo na tenda e darlles a noraboa e as grazas por deixarnos disfrutar desta visita!





venres, 12 de abril de 2019

POZO DA FERIDA, XOVE


Entre os Concellos de Xove e Viveiro atópase esta fervenza do río Loureiro (afluente do río Landro) chamada o Pozo da Ferida.

Conta a lenda que as súas augas teñen unha cor escura  porque, hai ben anos, unha señora que levaba un feixe de mulime para os animais caeu no pozo e non foi quen de levantarse.






O paseo para chegar á fervenza é curto, xa que se chega no coche ata preto dela.

           

Trátase dun camiño de terra, cunha baixada curta e bastante pronunciada. A lonxitude total é dun quilómetro máis ou menos no que descendemos da parte alta da fervenza ata os seus pés, polo que se pode observar desde arriba. Coidado cos nenos porque resulta algo perigoso!




Xa abaixo atopamos unha "poza" e un salto de auga fermosos. Un sitio ideal para relaxarse co ruído da auga. 






Animádevos! Nós seguiremos dando voltas!

sábado, 6 de abril de 2019

RUTA DOS MUÍÑOS, XOVE, LUGO

Hoxe acercámosvos unha ruta que era ideal para os máis pequenos porque a cada paso  que dabas podías ir descubrindo algo segredo: un gnomo, un ananiño, unha casiña...

Na actualidade e despois das fortes choivas deste outono non queda practicamente nada de todas esas figuriñas que facían o camiño máis divertido para os pequenos, aínda así é un paseo recomendable.

Esperemos que retomen a iniciativa o máis rápido posible porque é unha verdadeira pena que despois de meses non se arranxara.

A Ruta dos Muíños está no Concello de Xove e  parte exactamente de Regosanguento, na parroquia da Rigueira e remata na Igrexa de San Miguel desa mesma parroquia. 



Todo o camiño discorre á beira do río e pódense ver varios muíños e animais nas fincas próximas.







Pouco tempo despois de empezar chegamos unha fermosa área recreativa. Si a ruta se fai ao revés (desde a Igrexa) pode coincidir moi ben para descansar. 







A ruta é sinxela e a súa lonxitude total é duns 4 quilómetros sen subidas nin dificultades. Ideal para dar un paseo con nenos! 


Ao chegar á Igrexa atópase outra área recreativa con auga, forno, mesas e algún accesorio infantil.  Todo o necesario para un descanso. Animádevos! Nós seguiremos dando voltas!