mércores, 26 de xuño de 2019

PRAIA DE ESTEIRO - BANCO DE LOIBA

Hoxe imos dar unha volta por un lugar que nos encanta e ao que imos en moitas ocasións. 

Algunhas para pasear, outras para pasar un día de praia, outras de celebracións familiares ao aire libre ou inicio dun fermoso paseo.

Trátase da Praia de Esteiro, no Concello de Mañón. 


A praia de Esteiro é unha verdadeira marabilla natural. O seu entorno de pinos con mesas faino un lugar ideal para pasar o día.

                   

Trátase dunha praia apta para a práctica do surf e sempre hai moi bó ambiente.

Consta dun bar/restaurante, un parque infantil, uns aseos e permiten aparcar caravanas. Polo que tedes todo o necesario para pasar unha fin de semana ou un longo día ao aire libre.




Desde esta praia podemos iniciar ruta hacia o "banco máis fermoso do mundo", o banco de Loiba.

A distancia é duns 8 quilómetros ida e volta. Todo  o camiño discorre pretiño do mar e  ten unhas vistas preciosas hacia a praia e os cantís.






Ao comezo iremos por unha pasarela de madeira, deixando a praia á marxe dereita e que remata unha vez cruzamos o río. 









Neste momento temos que coller a man dereita e continuar hacia o mar ata chegar ao punto chamado Mirador da praia de Esteiro.




Desde este punto comezaremos a subir polo que o desnivel se fai máis pronunciado. Así a todo, nós fixemos a ruta con nenos de 3 anos e non tivemos ningún problema.




Nesta subida hacia o Coto de Lousido atopamos varias mesas para facer un descanso e observar a paisaxe. 

Unha paisaxe marcada pola vista de  Cabo Ortegal ao fondo, lugar onde se xuntan as augas do Mar Cantábrico coas do Océano Atlántico.  

Tamén se observan ao lonxe os Aguillóns, rochas que se atopan fronte ao cabo e que , segundo varios estudos xeolóxicos, son as cuartas máis antigas do planeta.






Pouco antes de chegar á praia do Picón, tivemos a mala experiencia que atoparnos cunha gran cantidade de lixo que alguén se interesou en ir tirar a un lugar ben fermoso.

Ogallá estas prácticas desaparezan e a xente tome conciencia da necesidade de manter limpo e coidado o noso entorno.





Xusto despois de pasar a Praia do Picón atopamos un merendeiro onde hai unhas escaleiras polas que se pode acceder a unha praia rochosa cun vello embarcadoiro. 







O remate do noso camiño foi o Banco máis fermoso do mundo, que ultimamente está bastante saturado de xente polo que é case imposible facer unha foto sen ter que esperar cola.

Para os que estabamos acostumados a ir e non atopar a ninguén, segue facéndose estraña esta sensación de invasión turística á que temos que ir afacéndonos.

Aínda así, o lugar merece a pena e sobre todo, nun deses días de inverno nos que o mar está enfurecido e golpea con forza nas rochas. 





Nós seguiremos dando voltas!

xoves, 13 de xuño de 2019

RESERVA NATURAL ESTUARIO DO DOURO

Na nosa visita a Oporto, cidade que xa coñeciamos por visitala en varias ocasións, quixemos buscar algo diferente que non fixésemos nas veces anteriores.

Foi así como nos decidimos por alugar unhas bicicletas e ir descubrir a Reserva Natural Estuario do Douro polo beira esquerda do río, é dicir, polo lado de Vila Nova de Gaia. 

Este estuario foi o resultado dun acordo celebrado en Decembro do 2017 entre o Concello de Gaia e a administración dos Portos do Douro e Leixoes.

A protección das aves e a paisaxe é o principal obxectivo deste refuxio. 

En Gaia atopamos dous sitios onde poder alugar bicicletas. Os dous locais tiñan todo o necesario para adultos e nenos e a un prezo moi, moi asequible.


O percorrido é moi sinxelo, xa que non hai practicamente desnivel. A única complicación, si viaxades con nenos, é que non está permitido ir pola beirarrúa coas bicicletas e o carril bici comeza bastante máis adiante, polo que se vai pola estrada un par de quilómetros.


O primeiro que atopas ao sair de Vila Nova de Gaia é un estaleiro ben fermoso con diferentes barcos dos que navegan polo Douro e nos que podedes para facer un mini cruceiro.



A uns 5 quilómetros de Vila Nova de Gaia comeza a observarse  o gran banco de área da desembocadura do río e sitio axeitado para o avistamento de aves.





Hai que recordar que non está permitido andar libremente pola zona do areal e para iso hai dúas pasarelas de madeira que podedes percorrer.

                           

A entrada á reserva é gratuíta e amósanse carteis onde se explican as diversos tipos de aves que se poden observar e as mellores épocas do ano para ver cada unha delas.

A zona é moi tranquila e cunhas vistas fermosas e impresionantes.

Cada primeiro domingo do mes organízanse visitas guiadas para a observación das aves salvaxes. Non hai que anotarse, simplemente chega  con unirse alí ao grupo.



Unha vez visitada a reserva seguimos ruta ata as praias: a de Lavadores, Pedras Amarelas e  praia de Salgueiros. Alí dimos volta porque se nos fixo algo tarde pero o carril de bicicletas continúa ata a Praia do Senhor de Pedra sendo un total de 15 quilómetros ida e outros 15 de volta.




Este é un bo lugar si estades de visita en Oporto e queredes relaxarvos en plena natureza. 
Nós seguiremos dando voltas!








mércores, 5 de xuño de 2019

RUTA POLOS GRAFFITIS DE OPORTO

Fai unhas semanas viaxamos a Oporto, cidade encantadora ao norte de Portugal que sorprende pola súa diversidade, culturalidade, ocio e diversión.




Hoxe imos centrarnos nos graffitis de  Oporto, nesa arte urbana que sorprende en cada paseo e rincón da cidade e que resurxiu despois de que unha brigada anti-graffiti contratada polo goberno local, limpara as paredes da cidade, sin ter en conta a opinión dos cidadáns. 

Foi no ano 2013 cando esta brigada cubriu un dos murais situados no centro da cidade e realizado  polo coñecido Hazul

Este feito tivo un efecto sorprendente nas redes sociais que se fixeron eco do acontecido e en poucos días os autores de graffitis de Oporto empezaron a sabotear a brigada anti-graffiti pintando unha liña negra cunha frase en portugués en todos os debuxos que se tapaban: Continua a pintar.

A protesta tivo varios resultados, por un lado, os murais de Hazul salváronse de ser tapados e por outro, o Concello creou unha licenza para artistas urbanos pagando unha pequena cota.

A partir deste momento e co cambio de goberno local que se produce no ano 2013, Oporto comeza a convertir a arte urbana nun dos referentes da cidade, chegando mesmo a facer un gran festival na rúa con artistas e cidadáns.


Por todos estes motivos, visitar Oporto significa unha visita obrigada aos seus graffitis e así o fixemos.

A nosa ruta comezou no primeiro mural legal que se inaugurou na cidade no ano 2014 e no que se poden observar a Don Quixote e a Sancho Panza. 


Este graffiti atópase na Rúa Diogo Brandao e  representa todos os muíños de vento que a arte urbana tivo que superar na cidade de Oporto ata ese momento.

Os autores da obra son varios: Circus Network coas mans locais de Fedor, Mesk e Mots.




Hazul é un dos artistas máis coñecidos da cidade. El utiliza portas, ventás tapiadas e edificios en ruínas para realizar os seus graffitis e varios deles son Vírxenes como a que podemos atopar na Praza Guillerme Gomes Fernandes. 



Xusto ao lado desde graffiti de Hazul atopamos nesta praza pequeniña unha fachada de azulexos (un total de 8000 e pintados á man) que tamén merece a pena visitar e que pertence a unha cadea de comida rápida. 




A visita continúa ata a Rúa do Alferes Malheiro, xusto nunha das paredes da parada de Metro de Trindade.

Hai dous graffitis nunha mesma parede que foron dos primeiros encargos do Concello  pero que están realizados por artistas diferentes: Dheo e Hazul. 



Desde este sorprendente e marabilloso graffiti baixamos hacia a Rúa das Flores e de camiño podemos seguir observando máis obras urbanas.





Unha vez chegamos á Rúa das Flores podemos admirar a decoración de todas as caixas eléctricas. Este foi o resultado dun proxecto común entre o Concello e a empresa pública de electricidade e que convertiu a rúa nunha especie de museo ao aire libre. 







Tamén máis ou menos a medio camiño da rúa das Flores podemos admirar este gran mural. Oporto seduce por sorprendente en cada rincón inesperado.




Camiñando chegamos á Ribeira e desde alí cruzamos a Ponte de Luis I para acercarnos a Vila Nova de Gaia e deixarnos sorprender por un coello realizado con materiais de refugallo ( Rúa Guillerme Gomez Fernandes).



En definitiva, a ruta son máis ou menos uns 7 quilómetros que nos encantaron. Ao mesmo tempo serviunos para  adentrarnos en Oporto, na súa historia, nos seus movementos e na súa arte urbana.

Hai que destacar que aquí so se mostran e citan algúns dos graffitis que podedes atopar visitando a cidade. Agora sodes vós os que debedes descubrilos. Nós seguiremos dando voltas!