Esta fervenza posiblemente sexa das menos coñecidas de Galicia. Sitúase no Concello de Mañón ( A Coruña), nunha zona fronteiriza con Muras e Ourol e no lugar coñecido como o Rego da Insua.
Nós accedemos á fervenza desde Ourol tomando o desvío indicado como Sisto (CP-3805) e subindo ao borde da Serra de Sabucedo e cunhas vistas impresionantes.
Atravesamos a aldea do Vilariño e despois continuamos pola mesma estrada local ata chegar ao lugar de Ambosores. Neste lugar atopamos unha bifurcación, debemos continuar pola esquerda pasando ao lado da igrexa.
Descenderemos pola estrada e atravesaremos a ponte Radas. Aquí é o momento de deixar o coche e poñerse en marcha.
Como non existe zona de aparcamento segura, recoméndase seguir outros 200 m, agora en sentido ascendente, ata a aldea deshabitada de A Pena de Mouriscón, xa pertencente ao Concello de Muras onde será máis fácil aparcar.
Para comezar a ruta hacia a fervenza hai que cruzar un campo que parece estar pechado por unha verxa pero que, hacia o lado do río, ten un acceso cunha escaleira metálica para poder atravesar.
O camiño ten unha distancia de case catro quilómetros ida e volta. Todos eles por un sendeiro á beira do río e sen desnivel ningún.
A ruta comeza cunha fermosa ponte sobre o río.
A cada paso que avanzamos imos descubrindo unha nova imaxe de conto, a primeira delas un merendeiro que non está acondicionado pero que resulta igualmente encantador.
A partir de aquí o río vaise ancheando para formar unha pequena presa que permite levar a auga ao muíño que está a escasos metros e que se conserva en perfecto estado.
Desde o muíño faltan escasamente 200 metros para chegar á fervenza pero en primavera e verán, non a veremos ata que xa estamos practicamente debaixo dela polo espesor do bosque. Poderemos escoitar o ruido da auga pero non contemplala ata que cheguemos xusto ao lugar.
Para poder observar a fervenza no seu maior esplendor deberase visitar en inverno por dous motivos: o primeiro, as árbores estarán espidas e eso permitirá ter mellor visión e segundo, o salto levará maior cantidade de auga.
A fervenza presenta dous tramos moi definidos. Ao principio ten unha caída libre de 10 metros e despois a auga segue a forte pendente do monte acomodándose ás curvas do terreo e formando pequenos saltos moi vistosos.
Non coñecemos o desnivel total pero estimamos que será de 50 metros máis ou menos desde o punto máis alto ata o borde do río.
Hai que ter en conta que chegar á parte superior presenta unha dificultade media-alta e non é apta para nenos non acostumados a andar polo bosque pero merecerá a pena!
Ningún comentario:
Publicar un comentario