A Fervenza de Escouridal atópase entre o Concello de Alfoz e o do Valadouro, na Mariña lucense.
Unha vez chegamos a Ferreira non tivemos pérdida xa que está ben indicado con carteis, tanto para a Pena Abaladoira como para a Fervenza.
Deixamos o coche preto dun panel informativo para continuar a ruta a pé.
Desde este cartel ata o fervenza hai un traxecto dun quilómetro e medio máis ou menos por unha pista de terra en bo estado e cunha pendente final bastante considerable.
A fervenza de Escouridal está considerada a máis alta de Galicia (sobre uns 80 metros) e non defrauda cando se chega a ela. Nós fumos en primavera e o caudal de auga era moi abundante polo que a fervenza presentaba unha imaxe magnífica.
Aos nenos o que máis lles gustou foi o de subir polas cordas para sacar a foto desde uns metros máis arriba. Toda unha aventura para eles!
Regresando polo mesmo camiño de ida chegamos a un cruce onde está sinalada a ruta hacia Pena Abaladoira.
Para chegar a ela temos que percorrer sobre uns 4 quilómetros ida e outros tantos de volta.
Pero si se quere andar algo máis pero sen chegar a esa lonxitude, pódese facer unha ruta circular que en total son algo máis de 3 quilómetros e remata onde aparcamos o coche ao inicio.
Está ben sinalada e cun camiño en perfecto estado. Cando se chega a algún cruce que pode despistar, hai paneis informativos ou carteis como o seguinte:
Merece a pena a visita tanto para adultos como para nenos e pódese acompañar doutras excursións pola zona que iremos dando a coñecer porque seguiremos dando voltas!
Ningún comentario:
Publicar un comentario