domingo, 22 de agosto de 2021

RUTA DOS POZOS, FERREIRA DO VALADOURO.

Hoxe acercámonos ao Concello de Ferreira do Valadouro para coñecer a ruta dos pozos e a fervenza Pozo da Onza.

Trátase dunha camiñata duns case 5 quilómetros e sen dificultade, non é de gran beleza pero resulta agradable para ir en familia e moverse un pouco.

Nesta ocasión, a ruta atopámola mal sinalizada e pouco coidada. Esperemos que non sexa sempre así!


O paseo comeza na ponte chamada Tras dos ríos, no lugar de A Portela. Desde alí comézase a camiñar pola marxe esquerda do rego de Ferreira, por un camiño de pescadores ata chegar á Poza das Moscas.






Desde alí o camiño vai entre o bosque e coa compañía do río formando outras pozas ata chegar  á Poza da Onza onde se forma a fervenza.




A ruta non transcorre soamente por pistas e camiños á beira do río, senón que tamén hai estrada de asfalto para poder chegar ata a fervenza á que chegamos despois de pasar unha pequena ponte e subir uns escalóns de pedra e algo resbalacidos en época húmida.







A ruta finaliza na fervenza, que é un pequeno salto duns 15 metros de altura desde o que debemos retornar polo mesmo camiño de ida.

Esperamos que vos guste e nós seguiremos dando voltas!