domingo, 15 de novembro de 2020

RUTA ENCOMENDEIROS, FRAGAS DO EUME.

Hoxe acercámonos ata as Fragas do Eume, ese lugar tan marabilloso e tan preto da nosa casa. 

As Fragas do Eume teñen un montonazo de rutas, desde as máis sinxelas e curtas, ata outras máis complicadas, tanto por dureza como por distancia.

Nesta ocasión volvimos  facer unha das máis coñecidas: A ruta de Encomendeiros que nos leva ata o Mosteiro de Caaveiro pola marxe esquerda do río.


Unha vez deixamos o coche no aparcamento habilitado, temos que camiñar pola estrada un quilómetro e medio ata chegar á Ponte de Cal Grande e cruzar sobre o río. 

Por certo, o día que fumos nós, o río estaba complemente escuro e contaminado por un vertido, ata tal punto que a Xunta declarou como emerxencia o estado no que se atopaba. Unha verdadeira pena!


 


A ruta de Encomendeiros trátase dun traxecto circular duns 17 quilómetros e que fixemos, ao ir pola marxe esquerda do río e, ao regreso,  pola dereita (estrada). Vimos moita xente que a facía tanto ida e volta pola estrada, nós só recomendamos ese camiño si se trata de persoas con carriños de bebés, xente maior ou con dificultade para camiñar.



O camiño transcorre por un sendeiro sinxelo e fermoso rodeado de bosque e que en outono mostra a súa cara máis vistosa.

Atopamos algún pequeno obstáculo que aos nenos lles facía gracia e  lles axudaba a que o paseo fose menos monótono.






Máis adiante hai unha nova ponte colgante que non debemos cruzar para non ir pola estrada e continuar así polo borde do río Eume.





Continuamos o camiño e a uns 6 quilómetros atopamos o tramo con maior dificultade xa que se trata dunha zona de subida e pedras resbaladizas, para o que habilitaron unhas cordas tanto para subir como para baixar polo outro lado. 

Había bastante cola neste punto porque non se pode subir ata que baixen as persoas que están na corda e deuse a casualidade de que nos tocou un grupo moi grande de xente bastante maior, polo que se formou un pequeno atasco.




O camiño continúa ata un desvío onde debemos coller o sendeiro da esquerda e cruzar unha pequena ponte de madeira sobre o río Sesín.

Os dous camiños levan ata o Mosteiro de Caaveiro, pero pola esquerda chegas directamente á zona da ponte e o muíño do río Sesín.





Despois de cruzar a pequena ponte de madeira comeza unha leve subida duns 700 metros ata chegar ao muíño.





Desde esta zona só queda subir unha pequena rampa de pedra e chegaremos ao Mosteiro. 



Mosteiro de Caaveiro ten as súas orixes no século X, pero sufriu moitas modificacións ao longo dos anos.
Para nós é de visita obrigada unha vez chegamos ao lugar. Debemos decir que íamos un can e non deixan pasar pero dispoñen dun sitio habilitado para deixalo mentres realizas a visita.



A visita é gratuíta e interesante. Tamén hai visitas guiadas concertando cita previamente.











Unha vez descansamos, comimos e visitamos o Mosteiro emprendimos o regreso, que foron uns sete quilómetros e medio pola estrada ata chegar ao coche.




Recomendamos totalmente descubrir as Fragas do Eume, pasear por elas, acercarse á súa natureza e beleza.


Nós seguiremos dando voltas na medida en que o COVID nos deixe!